luns, 11 de maio de 2015

Logo paisaxe

Tania 3ºB


Fíxose unha aproximación ó concepto de marca para ver o seu uso na publicidade gráfica, definindo conceptos de icono, tipografía asociada a un producto e lema. Analizouse a filosofía que hai detrás de cada producto e por último tratouse de incorporar estes conceptos á idea de PAISAXE, deseñando logo, tipografía e lema e explicando a filosofía que quería comunicar, tentando transmitir conceptos de ecoloxía e sustentabilidade.

David 3ºA
Laura 3ºB
Cristina 3ºD

Marta 3ºB

Elia 3ºB

Pablo 3ºB

Paula 3ºB

Alicia 3ºPDC

Lucía P. 3ºC

Eva 3D







luns, 4 de maio de 2015

paisaxes referentes (AULA)




Aqui tratábase de ver as referencias espaciais, os temas preferidos polos alumnos tanto reais como imaxinarios, os lugares desexados.
Tamén se traballou eses dous mundos dende atención educativa coa proxección dun filme de animación: “os mundos de Coraline”, que se aproveitou para facer sesións en diferentes idiomas: portugués, inglés e castelán. Logo os alumnos por grupos plantexaron historias que tiñan que ter unha parte no mundo rela e outra nun mundo imaxinario, fixeronse guións , story boards, e logo cada grupo decidiu o modo de presentalo: curtametraxe audiovisual, pequeño teatro, conto ou cómic. Fixeronse probas de rodaxe no centro e vironse os diferentes tipos de plano, movimentos de cámara, e como se estrutura unha grabación.

luns, 20 de abril de 2015

As miñas paisaxes (CONTORNA)



Neste proxecto téntase que os alumnos se identifiquen cos espazos vividos por eles, onde recorden experiencias propias e se sintan protagonistas do propio espazo.

O proceso organizouse cuns primeiros bosquexos nos que buscar varias referencias e logo escoller un para realizar nunha lámina A4 e probar diferentes técnicas de representación (xa que anteriormente se traballaran texturas e cor, asi como se fixeran probas de traballo con pincel na creación do círculo cromático e probas con augadas.

xoves, 16 de abril de 2015

pasear paisaxes (VISITAS)



percorridos por diferentes zonas da cidade repartidas por grupos:
A: casco vello de Vigo, B: Bouzas, C: contorna de Toralla, D: ensanche de García Olloqui
identificar fitos, rúas, edificios e espazos públicos
analizar os diferentes elementos relacionados coa paisaxe urbana:
espazos verdes, prazas, rúas, edificios, relación co mar
visitar espazos musealizados relacionados coa evolución das paisaxes urbanas:
A: Castro de Vigo. B: porto de Bouzas e IES Audiovisual, C: ECIMAT e Centro de interpretación romana de Toralla, D: Salinas do Areal de Vigo

Establécense catro grupos de traballo (un por aula) nos niveis de 1º e 3º de ESO para non ser reiterativos e que cada grupo ensine cousas novas ós demáis. Do mesmo xeito dentro de cada aula subdivídese en cinco temáticas diferentes (espazos verdes, prazas, rúas, edificios, relación co mar), conformando grupos de 5-6 alumnos que teñen que analizar, propoñer, debatir e decidir sobre o estado actual do lugar e as propostas de futuro.
Para as visitas prepáranse uns planos nos que se destacan fitos de imprtancia que os alumnos teñen que identificar e descubrir durante o percorrido e logo tratar na aula. Faise fincapé nos cambios producidos ó longo da historia nesas zonas e a súa improtancia para a evolución urbana e cultural. Plantéxaselles tamén as incógnitas sobre o futuro desas transformacións...

Os alumnos escollen tamén un lugar que lles chame especialmente a atención dentro do percorrido e fan un primeiro bosquexo que logo transformarán en debuxo rematado.


Grupo A: o casco vello de Vigo
Os comezos da cidade de Vigo sitúanse nesta área. Observamos un núcleo emprazado na beira do mar e vencellado ó monte do Castro, onde visitamos os restos do asentamento castrexo e o seu modo de emprazarse no territorio. Convivimos logo cunha estrutura urbana de orixe medieval e edificacións de diferentes épocas que nos amosan o percorrido histórico da cidade. Transitamos polo barrio vello baixo, donde analizamos a través de fotografías, planimetría e en directo as transformacións na relación da cidade con mar, especialmente no Berbés, onde o desenrolo portuario nos alonxa da beira do mar. Paseamos rúas e apreciamos a súa escala, transformacións, actividades. Observamos como tamén edificacións de diferentes épocas condicionan e modifican as paisaxes urbanas e a vista do mar (hotel Bahía, centro comercial da Laxe). Experimentamos pisar a antiga beira do mar. Observamos os pequenos restos da muralla que tiñamos visto nos planos antigos, habitamos espazos de uso comunitario, como o lavadoiro de poboadores. Visitamos os edificios da rúa Real rehabilitados para os rexistros de Vigo, apreciando como conseguir novos usos e novas paisaxes na rehabilitación e transformación da cidade.
Cruzamos a rúa Elduayen, de trazado posterior, que divide o casco vello baixo do alto e adentrámonos na zona que ten sido máis transformada nestes años polas obras de rehabilitación dos edificios de uso residencial. Apreciamos tamén os cambios na aparición de novos locais, cun enfoque comercial de pequeña escala que modifican a actividade e a paisaxe do barrio. Ocupamos o espazo fortificado de San Sebastián e a súa difícil relación con edificio do concello. Apreciamos a silueta da Panificadora na praza do Rei e as posibilidades de rexeneración destes espazos, como novas paisaxes referentes para a cidade. Subimos á torre do concello para ter unha vista global do casco vello.
Xa de volta a charla de Eduardo e Damián Jiménez enriqueceu as nosas experiencias a través das súas propias como habitantes e coñecedores da historia deste lugar. Finalmente na aula vimos exemplos de propostas como o proxecto de intervención no Barrio do cura, os concursos para novos usos da Panificadora ou a proposta de Moneo para o novo edificio do concello.
Os alumnos reúnense nos cinco grupos e analizan o plano, o seu estado e fan proposta de futuro. Logo un representante de cada grupo fan unha posta en común tentando facer unha proposta conxunta. O resultado exponse no centro.

Grupo B: a vila de Bouzas
Os trazados urbanos da Vila de Bouzas amósanos un antigo concello moi vencellado ó mar e ás súas actividades. Tratamos de identificar eses espazos e polos en valor dentro do contexto actual como outro referente histórico dentro da cidade actual. Percorrimos a zona portuaria e percibimos a súa dimensión. Polo interés que ten para o alumnado visitamos o IES Audiovisual, unha das edificacións que se atopan dentro do terreo gañado ó mar. Seguimos a pe sobre a traza do que sería en tempos a beira do mar, o derradeiro estaleiro tradicional da zona, chegando ata a fachada da antiga fábrica de Alfageme, un dos lugares que máis sorprenderon ós alumnos. Voltamos polo interior percorrendo a rúa do cruceiro e Tomás Alonso, por onde pasaba o tranvía e chegamos á alameda de Bouzas, a partir de onde percorrimos todo o núcleo histórico da vila.
Pudemos percibir a escala miúda de prazas, rúas e edificios, algún xa en proceso de rehabilitación.
Ocupamos e debuxamos as paisaxes conformadas na actual liña de costa e o enfrontamento de escalas entre o núcleo tradicional e o recheo portuario e os usos actuáis desta franxa litoral, máis alonxados dos tradicionais mariñeiros.
Xa de volta no centro a Visita de Puri Pérez Leirós ampliounos esta visión histórica da vila guiándonos a través dos debuxos dos propios alumnos polos recordos vividos e estudados por ela nunha charla que integrou moi ben o pasado e o presente desta parte da actual cidade. O traballo dos grupos afondou nesta relación entre o núcleo tradicional e o recheo portuario, a liña de costa e as posibidades de futuro.

Grupo C: a illa de Toralla e areal do Bao
Os espazos naturais costeiros do concello de Vigo atópanse nos extremos máis alonxados da zona portuaria. Escollimos Toralla pola súa significación e exemplo de diferentes intervencións na beira litoral. Apreciamos a presión da urbanización litoral dos anos setenta nas construccións e infraestructuras da illa de Toralla. Visitamos o único edificio público da illa: a ECIMAT (centro de investigacións mariñas relacionado coa universidade), onde se estudan e traballan diferentes elementos relacionados coa calidade das augas e o cultivo de especies mariñas vexetais e animais. Logo percorrimos os espazos abertos e zonas verdes da illa.
Cruzamos a ponte e visitamos o centro de interpretación da vila romana de Toralla, a antiga finca de Mirambel, onde descobrimos como xa na época romana a beira do mar era empregada para a construcción de salinas. Apreciamos a importancia dos asentamentos romanos na zona e a súa relación co mar.
Recoñecimos a recuperación dunar da Praia do Bao.
Xa de volta no centro comparamos as diferentes fases de intervención degradación e recuperación dos areais, a ocupación da illa a partires dos anos 60. Tivemos tamén a oportunidade de ter una charla sobre a recuperación dunar a cargo de Diego Rodríguez Vieites, do grupo ecoloxista ERVA, centrado na rexeneración dunar da Praia da Fontaíña, un exeplo pioneiro neste tipo de intervencións.
Analizamos e comparamos a evolución da pegada do home nestes espazos e observamos esa nova filosofía de rexeneración dos espazos naturais, onde destacaba a semellanza entre as ortofotos máis antiga e máis actual da zona.
Finalmente os alumnos discuten e proponen alternativas de futuro para estes espazos.

Grupo D: o ensanche de Garcia Olloqui

Os primeiros crecementos extramuros da cidade de Vigo xurden dun planeamento previsto dende diferentes propostas de ensanche, un modelo urbano de cidade planificada cun trazado cartesiano de vías paralelas e perpendiculares á liña costeira,  neste caso por terreos gañados ó mar. Achegámonos a esta área e percorrimos a súa beira, na zona náutico-deportiva e o parque de Montero Rios, percorrimos o trazado das mazas, con exemplos de arquitectura da época, como a casa Múlder de 1910 do arquitecto Gómez Roman, posteriores, como o edificio do club náutico de 1944 de Francisco Castro Represas, ou de arquitectura contemporánea como os proxectados nos anos 60 e 70 de Xosé Bar Boo. Percorrimos a praza de Compostela (a Alameda de Vigo) con exemplos da arquitectura de Pacewicz de principios do s. XX. Apreciamos a prolongación doensanche nas actuacións posteriores na banda do Areal e rúa Rosalía, chegando ata o centro Salinae, na cimentación do centro de saúde da rúa Rosalía, onde pudemos apreciar a magnitude das salinas romanas na zona, previas ós recheos do ensanche.
Xa de volta apreciamos na charla de Marta Filgueira toda a evolución dos diferentes proxectos de ensanche ata a súa final realización. A evolución dos terreos gañados ó mar e a influencia da peuqena área finalmente realizada do ensanche nos crecementos posteriores da cidade e a súa relación co antigo camiño de Pontevedra.

Os alumnos reuníronse e fixeron una análise de todos estes procesos e plantexaron propostas para o futuro, facendo fincapé nos posibles cambios de uso na zona e o seu grao de humanización.

venres, 27 de marzo de 2015

paisaxe de texturas (AULA-CENTRO)



Un dos traballos de curso na programación é o de tratamento de cor e texturas: gamas monocromáticas, bicromáticas, texturas xeométricas e orgánicas. Neste caso tratouse de buscar unha referencia no propio edificio para a modulación das mallas que servirían para os patróns do traballo, e tomouse como base a modulación do mosaico das columnas da sala de entrada ó  edificio: un mosaico de 25 x 25 mm., que daba un módulo de traballo de 8 x 8 casillas e un cadrado de 20 x 20 cm. Con este módulo traballáronse os diferentes temas, sempre cuna primeira lámina de mostra e unha segunda de composición libre, ata un total de 8 láminas por alumno (gamas monocromáticas, bicromáticas, texturas xeométricas, orgánicas)


Este traballo exponse no espazo de entrada como un mural grupal, onde o módulo base se repetirá segundo a intuición dos alumnos.






venres, 27 de febreiro de 2015

Arte e Natureza: LAND ART (AULA-REDE)




traballo individual dun artista de land art
a paisaxe como medio expresivo
os materiais do propio lugar como recurso para a expresión plástica


A decisión de traballar sobre o land art ten unha referencia evidente á idea de paisaxe, xa que a filosofía de partida sempre é a de obras de arte que parten do entendemento do lugar e das súas cualidades, e como a intervención humana pode facer máis evidente estas cualidades, en definitiva darlles un valor cultural. Os alumnos descubren asi un novo modo de traballo e representación do feito artístico, tratandose na maior parte dos casos de obras efémeras que teñen a súa conexión co público a traves da fotografía ou a reportaxe audiovisual.

luns, 19 de xaneiro de 2015

Arte e Lixo (EXPOS)


visita ás exposicións:


contacto coa arte contemporánea, concepto de arte conceptual e novas estéticas

O lixo como material para a arte: deseño e reciclaxe, arte comprometido coa ecoloxía e o medio. Análise dos materiais plásticos. Durabilidade e degradación.

Arte contemporánea e novas estéticas. A obra de Ignacio Uriarte como proceso de investigación entre o mundo analóxico e dixital.